Lisboa. O Padrão dos Descobrimentos, inaugurado en 1960, no Estado Novo de Salazar, é unha arquitectura que non deixa indiferente: colonialista, rancia mesmo e ubicada nun espazo público de enorme simbolismo, en Belém, xusto onde o Tejo se abre ao Atlántico. E aínda así ten algo que non sabería explicar de todo, un magnetismo alucinante. As figuras talladas en pedra —curas, xeógrafos, militares, navegantes— están conxeladas en poses tan dinámicas que parece que fosen moverse, actuar, evanxelizar, conquistar.
O Estado Novo sabía exactamente o que facía: construír un relato de grandeza que segue funcionando, para ben ou para mal, sobre quen se detén a miralo.Subín ata o miradoiro. Un ascensor aforra a maioría dos chanzos. Desde arriba domínase o "grande rio e a foz atlântica" de Pessoa. O Tejo, a Torre de Belém, os Xerónimos. Un entende entón por que os "estadonovistas" elixiron este lugar exacto para contar a súa propia historia.
Fáiseme evidente a paradoxa: como un monumento pode ser ao mesmo tempo unha fachada ideolóxica que incomoda e unha peza dunha forza visual innegable. Quizais ese sexa xustamente o poder —e o perigo— de certos monumentos: seducen mesmo cando sabemos exactamente a súa intrahistoria tenebrosa.
["Devaneio entre Cascais e Lisboa. Fui pagar a Cascais uma contribuição do patrão Vasques, de uma casa que tem no Estoril. Gozei antecipadamente o prazer de ir, uma hora para lá, uma hora para cá, vendo os aspectos sempre vários do grande rio e da sua foz atlântica."]
PESSOA, Fernando, Livro do Desassossego, composto por Bernardo Soares, Ajudante de Guarda-Livros na cidade de Lisboa, edição Richard Zenith. Lisboa: Assírio & Alvim (9.ª edição), 2011, p. 61.

No hay comentarios:
Publicar un comentario