Mércores. Hoxe teño clases de Xeografía de Galicia e Xeografía dos Transportes. O venres ás 20 horas vou entrar en directo para a Radio Galega. Vanme entrevistar sobre a eterna cuestión dos aeroportos galegos. Semella que é unha roda de hamster o tema este. Podemos crear comités de rutas, podemos elaborar plans, facer seminarios, podemos tentar o que queiramos, que este tema seguirá bloqueado. Unha das probas de que non hai ningún tipo de planificación territorial do transporte é que cando se proxectou a vía férrea de alta velocidad entre A Coruña e Vigo non se pensou en facer unha conexión co Aeroporto de Santiago de Compostela. Lavacolla é o único aeroporto dos tres galegos que pode medrar, e o que pode asumir unha expansión futura. Ao non haber ningún plan, cada un dos aeroportos é simplemente unha empresa, e é xestionada como tal. Podía ser unha granxa de polos, unha fábrica de vidro ou un parque temático. A planificación é totalmente individual. Ao aeroporto retíraselle a súa condición de terminal de transporte, de axente de desenvolvemento territorial, de "gateway" dunha rexión. Só importa a rendibilidade económica directa das operacións económicas que teñen lugar no aeroporto. Porén, un aeroporto é unha peza do xadrez da vertebración territorial do territorio. Un aeroporto está ao servizo dun territorio concreto e convértese nunha forza extraordinaria de progreso e crecemento (non só neceasariamente económico). Por iso, para que os tres aeroportos galegos traballen de xeito solidario e non se pisen os uns aos outros, cómpre ter unha estratexia territorial integral en Galicia. E a estratexia non pode limitarse ao transporte aéreo. Os aeroportos aliméntanse de viaxeiros que chegan en coche ou en autobús. En tren, imposible, porque en ningún dos tres aeroportos galegos hai estación de ferrocarril. Hai que pensar sobre isto. Hai que ter un modelo de territorio e facer que a planificación do transporte a mobilidade optimicen todos os recursos existentes. Se non o facemos, gañará o Sá Carneiro. A min non me importa ir ao Sá Carneiro, pero gustaríame que tivésemos unha maior oferta de rutas directas desde Galicia. Cómpre reflexionar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario