Como era ser 'fan' musical na época analóxica? Lembro ben que esta foi a miña primeira partitura "non para piano" que merquei na miña etapa do conservatorio. Foi en Casa Beethoven, nas Ramblas, en Barcelona. Debía ser algo así como 1993 ou tal vez 1994 (tanto ten). Naquela época, facerse cunha partitura de bolso como esta non era tan doado e rápido como baixala da rede hoxe.
O mundo hiperactivo actual permite dispoñer de todo, a todas horas e en calquera lugar. O mundo de antes, por contra, era moi 'correoso' cos que comezaban a explorar músicas, libros e moitas máis cousas. Porén, cada partitura que chegaba án mans dun era un milagre, algo excepcional. O mesmo pasaba coa música gravada. O outro día comentaba con @psanquin que para mercar un CD de Deutsche Grammophon había que xuntar 3.000 pesetas (18 euros actuais), o que non era tan sinxelo daquela. Mercabamos os CDs que podiamos, intercambiabamos partituras (había anuncios nos taboleiros dos conservatorios para poñer en contacto xente para iso 😅), gravabamos de Radio 2 (agora Radio Clásica) e, sobre todo, iamos aos concertos que podiamos. Había pouco que nacera a @osggalicia e na Coruña comezaba a haber unha programación musical en condicións. Penso que tiven a miña conta de correo no ano 1999. No 2000 estiven tres meses en Canadá e lembro que o email era xa o estándar da comunicación a longa distancia. A medida que apareceron Napster (1999), Kazaa (2001), MySpace (2003) e SoundCloud (2007) o CD foi esmorecendo pouco a pouco. No 2008 apareceu Spotify.. e ata agora. A pregunta que me fago é que tería sido de Bach, Mozart, Brahms ou mesmo Shostakóvich, que faleceu en 1975 (10 meses despois de que eu nacese) se na súa época tiveran acceso ilimitado a partituras e músicas gravadas como temos agora. É algo que non poderemos saber nunca e probablemente sexa mellor así. O que me segue a parecer fascinante é que estas vellas partituras en papel, primorosamente encadernadas, conectan máis co século XIX que o Newzik que emprega hoxe un intérprete. Ao final, a partitura en papel de 1994 está máis perto do espírito e a estética de 1878 (ano no que se estreou o concerto de Brahms) que do forScore que empregamos en 2026.

No hay comentarios:
Publicar un comentario