sábado, 14 de marzo de 2026

Inauguración de exposición de Lodeiro

Estupenda tarde a de hoxe na Fundación Museo do Gravado á Estampa Dixital de Galicia, en Artes (Ribeira). Presentouse un documental sobre Xosé Telmo Lodeiro (Vigo, 1930-1996), a súa vida e a súa obra, no que participaron a súa viúva e filla. Tamén interviron dando testemuña algúns dos seus amigos pintores e académicos que investigaron sobre el. No acto deuse por inaugurada unha exposición que contén unha escolma da obra gráfica de Lodeiro. 

Os gravados son poderosos. Chamáronme a atención dous, en concreto, onde se representan bloques de edificios. Este perfil inequivocamente urbano da obra de Lodeiro nos anos 1970s reflicte, unha vez máis, que a imaxe, cliché ou topicazo dunha Galicia rural era, xa a estas alturas, un anacronismo e unha falacia. A obra a cor é radiante, expansiva e moi xeométrica. Lodeiro adoptou a expresión a base de cores vivas quizais após a súa viaxe a México. O pintor da xeometría dialoga coas vangardas e o pop-art, nunha explosión lumínica e de enerxía. Lodeiro é Vigo e Vigo é Lodeiro. Parabéns ao MUGART e ao seu director Pastor Rodríguez, así como ao comisario da exposición, Carlos L. Bernárdez.

No hay comentarios:

Publicar un comentario