Onte, na Unitaria do Barrio de San Pedro, tivo lugar a presentación do documental (Des)facendo barrio, realizado por Érika Martínez e Samuel Pérez. O traballo destes dous novos documentalistas dura uns quince minutos, e nel cóntase a evolución recente do compostelán Barrio de San Pedro.
Situado nun dos arrabaldes que daban acceso á cidade medieval, o Barrio de San Pedro foi historicamente o espazo extramuros onde residían as clases humildes da cidade. Artesáns, comerciantes, labregos e moitos outros foron dando unha personalidade cada ez máis marcada a un sector urbano polo que chegaban todos os peregrinos que viñan de Europa. O Camiño Francés entrou sempre pola Rúa de San Pedro, a arteria principal que dá nome e vertebra o barrio.
Nos últimos tempos, o éxito do Camiño de Santiago está levando a grandes transformacións. A día de hoxe moitas persoas falan xa de turistificación para referirse a un incremento da presenza do turismo no barrio. As consecuencias máis visibles son a apertura de novos albergues e aloxamentos turísticos, en paralelo cun proceso de renovación urbana non sempre apoiado polos veciños.
O documental de Érika e Samuel constrúese a partir de imaxes de forte contido simbólico e grande carga emocional e, fundamentalmente, dando voz a unha serie de habitantes do barrio que explican o seu punto de vista. Identidade, diversidade, topofilia, casa... todas estas son palabras que resumen dun xeito moi sintético que é o barrio para estes sampedristas.
Despois da proxección do documental houbo un interesante debate entre o público e un diálogo con Samuel e Érika no que quedou moi claro ata que punto os dous documentalistas comprenderon o "genius locci" de San Pedro. Agardemos que pronto todo o mundo poida desfrutar en aberto do documental.


No hay comentarios:
Publicar un comentario