lunes, 6 de enero de 2025

"Parthenope", de Paolo Sorrentino

Sorrentino ofrece toda unha declaración de amor a Nápoles en "Parthenope". Dá a sensación que o filme ten como un dos seus obxectivos amosar o esplendor e a decadencia da grande urbe do sur italiano. Napoli é así: ameazada perpetuamente polo Vesubio, chea dunha luz cegadora, con arrecendo a piñeiros e especias, sempre excesiva e, por momentos, incomprensible. Celeste dalla Porta é Parthenope, a protagonista exclusiva da película. É unha muller valente, decidida e con moita personalidade que fará a vida que queira, e non a que lle impoñan.

 

A práctica totalidade do tempo estiven pensando nas etapas da vida, no rápido que pasa o tempo e no que significa a xuventude. O paso do tempo é, para min, outro dos motivos principais. O tempo vaise. Todos imos vendo como van pasando os anos, e imos deixando atrás a gracilidade, a lixeireza e a despreocupación. 

Tamén Parthenope vaise facendo maior. E todo cambia ao seu arredor. Só a cidade segue sendo a mesma, cos seus calexóns escuros onde o presente é pasado, e coa amable faciana en tonos pastel e ocre que amosa sobre o Tirreno. Non esquezamos, tamén, o surrealismo que impregna boa parte do discurso e a escena. Todo está cociñado a ritmo lento, con tempo suficiente para apreciar a beleza, que é unha obsesión do esteta Sorrentino.

No hay comentarios:

Publicar un comentario